Monday 29 de April de 2024

Tecnoloxía e intelixencia artificial, talento local e conciliación, eixos do foro inaugural do Talentia 2023


O Talentia Summit 2023 arrincará cun gran Foro inaugural que porá o foco na innovación tecnolóxica e a intelixencia artificial, nos novos modelos para o desenvolvemento do talento local, e na igualdade e as políticas de conciliación. Será o 10 de novembro no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea. A concelleira de Promoción Económica e Emprego, María Rozas, e o técnico do departamento de Emprego, Xabier Ferreiro, presentaron hoxe o evento, antesala da Feira do emprego e do talento que se desenvolverá entre os días 13 e 17 de novembro cun formato híbrido que combinará as actividades virtuais coas presenciais no Palacio de Congresos.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude lembrou que o Talentia “é un evento que, desde o seu nacemento en 2018, foi evolucionando, adaptándose a un contexto que nestes anos estivo moi condicionado pola pandemia da Covid, e consolidándose como referente no que ten que ver coa promoción do talento”. María Rozas sinalou que “nesta edición queremos explorar novas temáticas que entendemos que condicionan o mercado laboral de maneiras moi diferentes, como poden ser o auxe da intelixencia artificial ou a necesidade de avanzar en materia de conciliación, e tamén reivindicar outros talentos alén dos relacionados coa tecnoloxía e a innovación”. Ademais, “imos recuperar un maior peso das actividades presenciais, unha vez superada a pandemia, e contaremos coa colaboración no Talentia de entidades relevantes como a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre ou a Cámara de Comercio”.

Foro Talentia

Como en edicións anteriores, o Talentia contará con dúas partes diferenciadas pero complementarias: o Foro e a Feira.

O Foro inaugural será o 10 de novembro no auditorio do CGAC, coa participación de expertos e expertas de diferentes perfís, vinculados ás temáticas nas que quere incidir este ano o Talentia. Así, para reflexionar sobre tecnoloxía, innovación, intelixencia artificial e os traballos do futuro, no foro están previstas as ponencias de Tino Fernández, presidente executivo do Grupo Altia e vicepresidente do Clúster TIC de Galicia; Ignacio Ramos, director corporativo de estratexia de persoas e infraestruturas do grupo tecnolóxico GMV; Alex Rayón Jerez, fundador e CEO de brainandcode.tech, exvicerreitor de Relacións Internacionais e Transformación Dixital da Universidade de Deusto e experto en intelixencia artificial; e Susana Pascual, enxeñeira, divulgadora e promotora tecnolóxica experta en disciplinas STEAM. Á marxe da tecnoloxía e a innovación, co obxectivo de promover outros talentos e visibilizar outros modelos empresariais, no Foro inaugural está prevista a intervención de Isabel Pernas, vicepresidenta de Creativas Galegas, unha marca paraugas que reúne e impulsa a máis de 340 pequenas marcas do eido cultural e creativo galego.

Por último, e xa máis centradas na temática da conciliación e a igualdade no mercado laboral, no Foro inaugural do Talentia participarán Carmen Castro, activista feminista, economista experta en modelos de benestar e políticas europeas de xénero e confundadora de LoPERSONALesPOLÍTICO; e Anna Cabó, fundadora de LaGroc Solutions, unha consultoría que traballa fundamentalmente na elaboración de plans de igualdade, protocolos contra o acoso e xestión cultural.

María Rozas explicou que as ponencias do Foro inaugural do Talentia “foron seleccionadas pensando na súa transversalidade, porque intervirán responsables de grandes empresas tecnolóxicas que tamén teñen avanzado en materia de flexibilización do traballo e formatos híbridos para facilitar a vida persoal; mulleres de empresas innovadoras, que nos mostrarán que é posible a presenza e o éxito feminismo nun sector moi masculinizado, e expertas en igualdade que, ao mesmo tempo, traballan específicamente polo empoderamento das mulleres no sector das TIC”.

Feira Talentia

En canto á Feira Talentia, vaise celebrar na semana do 13 ao 17 de novembro, cun formato híbrido no que se combinarán as actividades virtuais coas presenciais. Estas últimas terán como epicentro o Palacio de Congresos.

A concelleira de Emprego explicou que “está prevista a participación de ducias de empresas líderes, que ofrecerán oportunidades de emprego, pero tamén formación e certificacións”. Ademais, destacou a colaboración de entidades como a Cámara de Comercio ou da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, que contará con espazos para a formación presencial no marco do Talentia. O obxectivo, sinalou María Rozas, “é ofertar recursos tanto en liña como presenciais para que os e as asistentes poidan mellorar a súa marca persoal e a súa capacitación, e acceder a información e a ofertas laborais de empresas de diferentes sectores”.

Na Feira Talentia haberá presentacións de empresas, ducias de actividades formativas presenciais, e preto de 3.000 prazas en actividades formativas virtuais. Entre estas, María Rozas destacou a colaboración coa Plataforma Linkedin Learning, “unha ferramenta de éxito internacional para o impulso profesional, na que ofertaremos 600 prazas en diferentes cursos”. Ao abeiro do Talentia tamén haberá probas oficiais para a obtención de certificacións profesionais, mentorías on line e presenciais, e webinars con expertos e expertas de empresas tecnolóxicas.

A información sobre a oferta formativa e as empresas participantes daráse a coñecer en detalle na próxima semana, e abriráse tamén a reserva das prazas gratuítas para as actividades formativas, a través da web talentiasummit.com.